Saturday 11 de May de 2024

O Ciclo de Conferencias da Xunta sobre a vida e obra de Picasso trae mañá ao Museo e Belas Artes ao escritor e crítico de arte Juan Manuel Bonet


— O relatorio, no que repasará a estadía do artista en París e a maduración do seu estilo cara o vangardismo, é de entrada libre ata completar aforo

— Enmárcase no programa da mostra ‘Picasso branco no recordo azul’ organizada pola Xunta co gallo da conmemoración do 50 aniversario da morte do autor

O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá mañá a conferencia Picasso, do simbolismo á vangarda: os anos de Montmartre, impartida polo escritor e crítico de arte Juan Manuel Bonet. Este relatorio enmárcase no ciclo de conferencias A Coruña, primeiros trazos de Picasso que forma parte das actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño.

O relatorio celebrarase mañá mércores ás 20,00 horas con entrada libre ata completar aforo. Durante a súa intervención, Bonet repasará a estadía de Picasso en París e a influencia do efervescente barrio de Montmartre na maduración do seu estilo cara as fórmulas vangardistas, que culminará co nacemento do cubismo. Esta será a penúltima das disertacións deste ciclo de conferencias, que finalizará o 14 de xuño co relatorio Lola, a gardiá do tesouro da man de Malén Gual, conservadora no Museo de Picasso de Barcelona e unha das comisarias da mostra Picasso branco no recordo azul. Gual falará do papel fundamental da irmá do artista, como modelo feminino, nos seus anos xuvenís.
Cine , música e obradoiros
Xunto a este ciclo de conferencias, a Xunta afronta con intensidade este último mes da exposición aberta ao público cunha completa actividade paralela. O ciclo cinematográfico pechará esta tarde co documental biográfico Picasso (1985), dirixido polo cineasta francés Didier Baussy. O pase será ás 19,30 horas no Museo de Belas Artes. Pola súa banda, o ciclo de concertos gratuítos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou pechará o vindeiro domingo 11 de xuño coa interpretación do Cuarteto Bèlle Epoque. Para asistir é preciso recoller invitación previa na recepción do Museo.

Ademais destas iniciativas tamén seguen en marcha este mes de xuño distintas propostas familiares, talleres xuvenís ou visitas guiadas. Toda a programación está dispoñible na web do museo e para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.

A mostra Picasso no branco azul está comisariada, ademais de por Malén Gual, por Antón Castro e Rubén Ventureira coa coordinación da directora do museo, Ángeles Penas e seu o equipo. Trátase da única mostra da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente. Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.